| Cabanas sen barreiras |

2017

Accesibilidade universal nun bosque de Quintela

O proxecto, Accesibilidade universal nun bosque de Quintela, contempla a construción dun conxunto de seis apartamentos nun bosque autóctono. A premisa de partida é fundamental: a consecución para o conxunto dun nivel óptimo de accesibilidade universal ou desapercibida.

O proxecto, xa que logo, fai especial fincapé na adaptación integral do entorno e dos accesos. É dicir, acomete o reto maiúsculo de acondicionar un bosque e suprimir as súas barreiras, sen menoscabo da súa condición ambiental ou natural.

Os seis apartamentos, cabanas nas árbores, intégranse no entorno. Unha pasarela salva o desnivel. Os camiños, os valos, as texturas dos materiais, a iluminación, os sons, tódolos sentidos se integran no proxecto, no seu descorrer, na súa construción.

A intervención no entorno é integral pero moi respectuosa. Defínense valos que conteñen terras; recupéranse vellos sistemas de construción, vellos aparellos, pero incorpóranse novas técnicas e novas solucións. Os solados definen alfombras que se acomodan ao terreo, pero incorporan distintas texturas que os achegan a sensibilidades diversas.

En definitiva, un conxunto variado de factores subxacentes que acomodan un entorno complexo para poñer de releve a autenticidade e a harmonía dunha actividade turística totalmente integradora.